Colaboración: “A soneca prohibida”, por Javier Ferreirós

Imaxe

Din no Spiegel, xornal alemán, que a Troika, o Kraken ultrapirenaico que nos ordena e manda, obrigou ó Goberno español a prohibir durmir a sesta, polo visto para incentivar a produción extenuante, que é a única que conta. Con este ataque frontal ás esencias ibéricas estamos a piques de presenciar o inédito “estalido social” que agardan uns e outros, uns para xustificar o veleno cuspido e outros porque xa está ben e isto era o que faltaba.

As autoridades terán que esclarecer mediante o decreto-lei pertinente que consideran unha sesta, cal é a liña que separa a soneca de sobremesa da meditación cun ollo pechado e outro sen abrir; namentres non nolo digan con meridiana claridade, e non cos, xa tan tópicos como a sesta, pertinentes eufemismos gubernamentais, a prohibición ha de quitarlle o sono a máis de un.

As consecuencias serán máis graves do que cabe supoñer: adeus ó anhelo da Federación Ibérica, porque os portugueses xa non pensan transixir máis; e as forzas do Estado irromperán nos nosos fogares para emprendela a culatazos e disparos nos xeonllos, en plena canícula e con remordementos, porque as nosas olleiras serán iguais ás súas. Cando chamen á porta non ha de ser o leiteiro, porque o leiteiro, cando vén, vén pola mañá; así que haberá que refregar a cara con auga xeada, sacar as lagañas  e cambiar na tele do Tour a un programa de música house da MTV, todo á velocidade do raio. E poñerse a montar bolígrafos ou a meter en sobres o que haxa que meter en sobres. Producir, producir, e se tal, un cafeíño, como moito.

Poida que me estea a exceder nas miñas previsións: talvez quede todo nunha multa: un cabeceo, 20 euros; durmir sentado no váter da oficina, 500; sesta de “orinal y padrenuestro”, que dicía C.J. Cela, 2000 euros e traballos comunitarios nas patrullas veciñais que se montarán contra estas preguizas dixestivas cando a Policía non dea feito.

Imaxe

Cela, en tempos idílicos, tamén definía a sesta como o “ioga ibérico”; así que a soneca será cousa de obradoiros clandestinos impartidos, por exemplo, nas aldeas abandonadas dos Ancares, as que están a ser mercadas por americanos, ou por alemáns lectores do Spiegel, que coma sempre teñen que vir dicirnos que temos unha morea de paisaxes, costumes e recursos que non sabemos apreciar. Eles, igual que os rusos e os chinos das aformigonadas costas mediterráneas, terán dereito, previa mostra dos seus pasaportes, a pechar os ollos no sofá co canónico culebrón televisivo zumbando de fondo.

O sheriff Arpaio, azoute de inmigrantes mexicanos en Arizona, lévalle anos de vantaxe á Troika. Tal como lle demostrou ó Follonero, coñece, dende a súa óptica de director de zoo, os instintos dos sureños pobres que ten engaiolados, neste caso mexicanos: para reconducilos, non precisa quitarlles a sesta como única vía de escape: basta con poñerlles calzóns cor rosa Hello Kitty, e no verán levarlles xeo. Que tomen nota os Homes de Negro, tentáculos da Troika: xeo na caluga, ou uns bos mangueirazos dende o camión cisterna para espantar a desidia e non perder un tempo precioso de cara a refundar o capitalismo.

 


Músico e historiador
Colaboracións en Certo:
“Música por dentro”

One thought on “Colaboración: “A soneca prohibida”, por Javier Ferreirós

  1. Pingback: Colaboración: “O Océano Pacífico non é nada”, por Javier Ferreirós | Certo, o dixital de Barbanza e Noia

Leave a comment